Dobre cita zamorana para o Froiz

Pontevedra
17 de marzo 2017

O equipo ciclista pontevedrés estará presente durante a fin de semana no XXXVI Trofeo Concello de Zamora e no 70º Trofeo Iberdrola

Pedro Merino, na concentración de pretempada do Froiz 2017 Mónica Patxot

Descansa unha semana a Copa de España Elite e Sub-23, pero a actividade non decae para o Grupo Deportivo Supermercados Froiz, que centra os seus esforzos en dúas carreiras que terán a provincia de Zamora como escenario.

O equipo ciclista pontevedrés tomará parte o sábado no XXXVI Trofeo Concello de Zamora, unha carreira de 108 quilómetros nos que o terreo chairo e o vento adoitan ser os protagonistas, xa que os corredores só afrontarán dúas ascensións de 3ª categoría.

Sen tempo para repoñerse do esforzo, o Froiz participará tamén o domingo no prestixioso Trofeo Iberdrola, que chega á súa 70 edición con saída ás 12:30 horas desde a localidade de Muelas de Pan. Serán un total de 151,3 quilómetros de constantes subidas e baixadas, nun terreo rompepiernas con cinco cotas de montaña puntuables, incluída a meta no alto de Poblado del Esla.

A segunda das carreiras adáptase ás carácterísticas dunha escuadra alimenticia que presentará un equipo formado por: Pedro Merino, Jesús Merino, Antonio Portela, Miguel Gómez, Ángel de Julián, Ismael Barba e Leonel Coutinho.