Dobre vitoria en Almagro para o Froiz para empezar con bo pé a tempada

Pontevedra
19 de febreiro 2017

Leonel Coutinho gañou as dúas etapas do XVIII Memorial Manuel Sanroma, en Almagro, anotándose á súa vez a clasificación xeral da proba

Leonel Coutinho, no podio do XVIII Memorial Manuel Sanroma Grupo Deportivos Supermercados Fróiz

Non puido comezar mellor a tempada para o Grupo Deportivo Supermercados Froiz, gran dominador do XVIII Memorial Manuel Sanroma celebrado na localidade manchega de Almagro.

Leonel Coutinho levou as dúas etapas das que constaba a carreira, a primeira nun sprint masivo tras neutralizar o pelotón unha fuga a falta de 3 quilómetros, na que viaxaba Martín Lestido.

O velocista portugués repetiu vitoria na segunda xornada, adxudicándose por tanto a clasificación xeral, nunha etapa con exhibición do equipo pontevedrés.

A falta de 30 quilómetros os oito ciclistas do Froiz figuraban nun reducido de 30 corredores na cabeza de carreira. Cando restaban 3 quilómetros para a conclusión Antonio Portela rompeu o grupo levando consigo a tres compañeiros de equipo. Ao final Coutinho foi primeiro con Ángel de Julián segundo e Portela en cuarto lugar.

O Froiz gañou ademais a clasificación por equipos nunha proba que demostra o seu bo momento de forma a só unha semana do inicio da Copa de España Elite e Sub-23.