Un doce subcampionato galego para o Club Natación Galaico

Pontevedra
19 de maio 2025

O equipo pontevedrés finalizou no segundo posto na xornada final da Liga Galega de División de Honra, celebrada en Lugo, coas súas deportistas batendo dúas plusmarcas autonómicas

Remuda 4x50 feminina do Galaico que estableceu unha nova marca galega
Remuda 4x50 feminina do Galaico que estableceu unha nova marca galega / CN Galaico

O título da Liga Galega de División de Honra escapóuselle ao Club Natación Galaico, pero non por iso o resultado obtido na xornada final celebrada en Lugo deixou de ser positivo para o club pontevedrés.

"Pelexamos con todo o que tiñamos ante dous grandes rivais", recoñecen desde o Galaico felicitando o club que chegaba como vixente campión e favorito, o CN Portamiñá que ademais actuaba como local.

Foi o Portamiñá o que encabezou a clasificación final con 430,5 puntos, seguido do Galaico con 359,5 e do CN Ferrol con 260 puntos.

Pola parte baixa o CN Ponteareas loigraba salvar a categoría descendendo CN Arteixo e Fluvial de Lugo.

É un resultado ao que desde a Boa Vila outorgan valor xa que "rematamos subcampións de Honra na tempada na que ou Galaico voltaba á máxima categoría", destacan.

Ademais as súas deportistas conseguiron resultados destacados, batendo dúas plusmarcas autonómicas.

Antía García rebaixou a súa propia marca galega nos 50 libres (25.24 segundos), e a remuda 4x50 feminina bateu cun tempo de 1:46.18 unha marca galega que databa do ano 2009 e que estaba en poder do propio Galaico.