A matinal do domingo en Pontevedra volverá ter aroma de balonmán de alto nivel, polo menos por unha semana. O Condes de Albarei Teucro recupera o que durante moitos anos foi o seu horario predilecto (domingo, 12:00 horas) para recibir no Pavillón Municipal dos Deportes ao Ángel Ximénez de Puente Genil.
O club pontevedrés decidiu atrasar un día o encontro para que o equipo se puidese recuperar mellor do desgaste que supuxo a Copa do Rei, cun longo desprazamento por estrada ata Alacante que se sumou ao esforzo na pista para derrotar ao Agustinos e seguir adiante na competición.
Tamén o Puente Genil afrontou con éxito a xornada copeira, pero no seu caso cun desprazamento de apenas 65 quilómetros ata Antequera, polos máis de 1.000 que separan Pontevedra de Alacante.
Centrados xa na liga e recuperados moralmente da contundente derrota en Huesca, os de Quique Domínguez queren facer valer a súa condicións de locais para superar a un rival directo pola permanencia, ao que avantaxan nun punto na clasificación.
Por iso botarán o resto conscientes que tras este encontro chegará unha semana de descanso polos compromisos das seleccións nacionais, parón ao que no caso de gañar chegarían nunha cómoda posición en metade da táboa.
Os colexiados do encontro serán o vasco Javier Álvarez Mata e o navarro Yon Bustamante López.