Dous anos de Travesía a nado Río Lérez cun soño: "Facer unha proba internacional"

Pontevedra
23 de xullo 2024

A proba de natación en augas abertas, que celebrará o vindeiro sábado 27 de xullo, solicitará a próxima tempada a súa inclusión na Copa de España da especialidade, tal e como confirmaron os seus responsables na presentación oficial do evento

Presentación da II Travesía a Nado Río Lérez
Presentación da II Travesía a Nado Río Lérez / Mónica Patxot

O vindeiro sábado 27 de xullo a praia fluvial acollerá a segunda edición da Travesía a nado Río Lérez, organizada polo Club Natación Galaico e a Federación Galega de Natación dentro do Circuito Galego de Augas Abertas.

Será só o seu segundo ano, pero é un paso máis dentro da consolidación dun evento co que o Galaico mira ao futuro con ambición. "O noso soño é facer unha proba internacional", recoñeceu o seu presidente, Alberto Castro, e por iso en 2025 darán un paso máis solicitando a inclusión da Travesía dentro da Copa de España da especialidade.

"Se queremos ter unha Copa do Mundo ou de Europa temos que facer antes un test", afirmou á súa vez Juan Carlos Brión, presidente da Federación Galega de Natación, animando o club pontevedrés a solicitar a organización da competición nacional a próxima tempada.

Na segunda Travesía a nado Río Lérez están rexistrados preto de 200 nadadores e nadadoras federadas, entre os que se atopa o padriño desta edición, o triatleta Javier Gómez Noya, cun percorrido de 2.500 metros (dúas voltas de 1.250 cada unha) con saída e chegada na praia fluvial.

Iso en canto aos deportistas elite e máster, cuxa proba se disputará ás 18.45 horas. Antes, desde as 17.30 horas, estrearán a travesía as categorías Infantil, Alevín e Promoción, mentres que ás 20.30 horas nadarán os benxamíns, prebenxamíns e a categoría adaptada.

A presentación da Travesía a nado Río Lérez contou tamén coa presenza do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, a deputada provincial Isabel Couselo, o delegado de deportes da Xunta de Galicia Daniel Benavides e a edil de Deportes, Anabel Gulías.