Dúas medallas de bronce na categoría Infantil (Dúo Mixto e Figuras Masculino) e un ascenso a Primeira División en Alevín resumen o brillante papel do C.N.A. Galaico Pontevedra no Campionato de España Alevín-Infantil de Natación Artística de Inverno, celebrado durante a fin de semana na piscina do Complexo Deportivo Rías do Sur.
O evento reuniu a máis de 700 nadadoras de 39 clubs e once federacións autonómicas, coroando o C.N. Sabadell como mellor club nacional tanto en categoría Alevín como Infantil.
A primeira alegría para o club anfitrión chegou co Dúo Mixto Infantil formado por Mariña Calvo e Iván González, e Maira Parente como reserva, que fixo unha case impecable rutina que lles permitiu subir ao podio en terceira posición.
Na proba de Figuras Infantil Masculino, o propio Iván González conseguiu outro bronce, mentres que a súa compañeira Mariña Calvo foi a mellor nadadora galega da súa categoría, pero tívose que conformar cun duodécimo posto.
A outra gran noticia para o Galaico chegou na categoría Alevín, onde o equipo logrou o ascenso a Primeira División ao situarse entre o vinte mellores clubs de España, concretamente no posto 17.
UN CAMPIONATO DE RÉCORD
Por primeira vez, a competición puido seguirse en directo por streaming, superando as 5.000 visualizaciones durante a fin de semana.
Ademais, as visitas guiadas polo centro histórico organizadas polo Galaico Pontevedra, tiveron "unha excelente acollida" entre o centenar de visitantes desprazados desde outras rexións.
Na entrega de medallas, a concelleira de Igualdade, Anabel Gulías, celebrou o éxito do campionato e do equipo local, recoñecendo que "é unha delicia poder entregar dúas medallas ao equipo de Pontevedra. Iso quere dicir que cando se cre na cidade e nos clubs somos capaces de montar un campionato coma este e entregar medallas aos nosos equipos".
Gulías destacou ademais que "estamos desexando demostrar que a natación artística ten unha pegada fonda na nosa cidade", lembrando que Pontevedra acollerá en maio a World Cup de Natación Artística.