Dous penaltis moi protestados tomban o Arosa fronte ao Deportivo B (1-2)

O Salnés
17 de xaneiro 2016

Unha arbitraxe moi protestada que castigou con dous penaltis ao Arousa, facilitou a remontada do Deportivo B na Lomba, nun partido no que os arlequinados se adiantaron cun gol de Alberto Cabanyes. O filial deportivista respondeu con dous goles da súa flamante fichaxe, o exazulgrana Álex Corredera, aproveitando dous máximos castigos, o primeiro rexeitado polo meta arosista en primeira instancia

Partido entre Arosa e Ribadeo na Lomba
Partido entre Arosa e Ribadeo na Lomba / Arosa SC - Rubén Abal

Unha arbitraxe moi protestada que castigou con dous penaltis ao Arosa, facilitou a remontada do Deportivo B na Lomba, nun partido no que os arlequinados se adiantaron cun gol de Alberto Cabanyes. O filial deportivista respondeu con dous goles da súa flamante fichaxe, o ex azulgrana Álex Corredera, aproveitando dous máximos castigos, o primeiro rexeitado polo meta arosista en primeira instancia.

O primeiro tempo foi igualado con fases de dominio alterno. O primeiro en avisar foi o Fabril, que se atopou con Jorge Pérez nun par de ocasións. Aos 22 minutos chegaba a primeira clara para os de Piscis. Adrián Camiño ve adiantado a David e cun disparo afastado puxo a proba ao meta visitante. O último cuarto de hora foi un 'correrrúas' con contraataques por parte dos dous equipos, que terminaron estrelando un balón no traveseiro cada un.

No segundo tempo o Arosa saíu mellor e conseguiu adiantarse no marcador moi pronto. Foi nunha bonita xogada pola banda esquerda  entre Fon, Fran Fandiño, Eloy Fariña e Adrián Camiño. O capitán puxo un pase extraordinario a Cabanyes, que non perdoou ante David. A bancada ovacionou o gol e sobre todo a xogada.

O Arosa estaba mellor que o seu rival, noqueado co gol. O propio Cabanyes, de cabeza, puido facer o segundo, pero no minuto 71 o colexiado vigués, Uxío Caamaño, moi protestado, sinalou o primeiro penalti a favor dos visitantes. Alex Corredera marcou o empate, aproveitando o rexeite ao primeiro disparo de Jorge Pérez.

Cando o partido parecía que terminaría en repartición de puntos o Deportivo B atopouse con outro novo penalti a favor, tamén moi protestado. O ex do Barça, Alex Corredera, anotaría o definitivo 1-2.

Consulta aquí o acta do partido.