Dúas fochas no seu xogo condenan o Cisne en Bordils (30-25)

Pontevedra
26 de febreiro 2017

Os pontevedreses pagaron cunha dolorosa derrota dúas tremendas fochancas no seu xogo ofensivo, nos minutos finais de cada tempo, especialmente nos últimos dez minutos do primeiro tempo, nos que non conseguiron marcar nin un só gol, encaixando un parcial de 6-0 que lles fixo pasar dunha vantaxe de dous (8-10) a irse ao vestiario a remolque (14-10)

Partido entre Cisne e Bordils no CGTD
Partido entre Cisne e Bordils no CGTD / Diego Torrado

Handbol Bordils conseguiu o seu terceiro triunfo consecutivo á conta dun Cisne que de novo a domicilio mostrou a súa "cara B", deixando fóra da súa pista unha imaxe moi distinta da que adoita ofrecer cando actúa como local.

Os pontevedreses pagaron cunha dolorosa derrota dúas tremendas fochancas no seu xogo ofensivo, nos minutos finais de cada tempo, especialmente nos últimos dez minutos do primeiro tempo, nos que non conseguiron marcar nin un só gol, encaixando un parcial de 6-0 que lles fixo pasar dunha vantaxe de dous (8-10) a irse ao vestiario a remolque (14-10).

A pesar de tentalo, esa distancia foi insalvable para os de Jabato, que na segunda metade trataron de meterse de novo no partido, pero o máximo que lles permitiu o equipo catalán foi situarse a dous goles (25-23) a falta de algo máis de sete minutos para o final, pero aí chegaría a segunda fochanca de xogo dos galegos, que acusaron unha exclusión de David Chapela, encaixando un novo parcial adverso de 4-0 que levaba a máxima diferenza ao marcador (29-23).

Quedaban tres minutos e o partido estaba sentenciado, chegando ao final con ese claro 30-25 que afasta ao Cisne das súas opcións de pla-off.

Álex Chan e Adrián Menduiña, con sete goles cada un, foron os xogadores máis acertados polos pontevedreses, mentres que nos locais Marc Prat, Oriol Márquez e Arnau Palahí, os tres con cinco goles, foron os seus máximos goleadores.

Consulta aquí o acta do partido Handbol Bordils-Cisne.