Cinco partidos sen gañar son demasiados, e con esa laxa chegan Coruxo e Pontevedra ao derbi provincial deste domingo (17:00 horas) no campo vigués do Vao.
Os granates aspiran a romper a súa mala serie repetindo o sucedido na primeira volta, cando a vitoria sobre o Coruxo supuxo o inicio dunha xeira de seis triunfos en sete xornadas que lle levantaron aos primeiros postos da clasificación.
Para logralo, Luisito confía en que o seu equipo recupere a solidez defensiva da que fixo gala ao longo da tempada pero que perdeu nos últimos encontros, especialmente ante Compostela e Racing de Ferrol.
O técnico do equipo pontevedrés non poderá contar con Pablo Carnero por lesión e tampouco con Adrián Mouriño, pero convocou ao resto de futbolistas dispoñibles e realizará descartes horas antes do partido, sendo a principal dúbida o estado físico de Kevin Presa.
Pola súa banda, Rafa Sáez non poderá aliñar no Coruxo ao ex-granate Cristóbal Juncal, sancionado cun encontro pola súa expulsión a pasada xornada de liga.
O encontro será arbitrado polo colexiado castelán leonés Fernando Román Román, que curiosamente xa dirixiu o choque da primeira volta, no que o Pontevedra venceu por tres goles a un a un Coruxo que chegaba á cita como líder.