Duelo en Toledo ante un rival directo e cun equipo de circunstancias

Pontevedra
27 de xaneiro 2018

As baixas de Kevin Presa, Berrocal e Adrián León por problemas físicos deixan mermado ao equipo, especialmente en labores defensivos, para visitar este domingo (17:00 horas) a un rival directo pola permanencia como é o Club Deportivo Toledo. Luismi completou a convocatoria con futbolistas da base

Adestramento do Pontevedra na Xunqueira
Adestramento do Pontevedra na Xunqueira / Mónica Patxot

Importante saída a que afronta esta fin de semana o Pontevedra Club de Fútbol ao visitar a un rival directo pola permanencia como é o Club Deportivo Toledo (domingo, 17:00 horas no estadio Salto del Caballo).

O equipo manchego marca actualmente a liña do descenso con 20 puntos, 3 menos que os granates.

Será un duelo vital para ambos os dous e que o Pontevedra afrontará cun equipo de circunstancias, ao perder a tres homes importantes como Kevin Presa, Adrián León e Berrocal por problemas físicos. Debido a esas circunstancias Luismi viuse obrigado a recorrer á base para completar a convocatoria, na que non figura de novo Jon Etxániz apuntando a posible baixa no mercado de fichaxes. Tampouco figura a última incorporación, Pibe.

En defensa está especialmente minguado o conxunto pontevedrés, con Goldar como único central específico do primeiro plantel dispoñible tras a saída de Bruno Rivada e á espera de que cheguen os últimos reforzos.

O que volve á lista é Prosi, xunto a futbolistas que viñan actuando co filial como Lezcano ou Pacheco, además de Juan Barbeito. Desta forma os 18 xogadores que forman a expedición son: Edu Sousa, Anxo, Nacho, David Castro, Jimmy, Goldar, Prosi, Carlos Ramos, Mouriño, Álex Fernández, Marcos Álvarez, Álex González, David Añón, Iván Martín, Jorge Hernández, Lezcano, Juan Barbeiro e Pacheco. 

Con todo a dinámica positiva lograda nos últimos días coa vitoria na liga ante o Cerceda e na Copa Federación contra o Burgos xoga a favor do Pontevedra, cun Toledo que viviu unha semana convulsa coa marcha do seu adestrador, Onésimo.

Agora con Miguel Falcón no banco Luismi non conta con referencias de como lle pode xogar o cadro manchego, polo que apela a "centrarnos en nosotros, en estar al 100%, porque si nosotros estamos bien vamos a poder competir y traernos la victoria".

Os locais contan para a cita coa baixa de Sergio García, mentres que Álvaro e Romagnoli son dúbida. Pola contra poderían debutar co equipo as súas dúas últimas fichaxes, Usero e Lucas.

O colexiado do encontro será o estremeño Sergio Del Río Lozano.