Duelo "importantísimo" para o Arosa no seu regreso á competición ante un rival directo, o Marino

O Salnés
28 de xaneiro 2022

O conxunto arlequinado recibe este domingo 30 (19.00 horas, A Lomba) a un rival directo pola permanencia como o Marino de Luanco coa incógnita de "como imos competir" tras unhas semanas complicadas pola afectación da covid a varios dos seus xogadores

Luismi, nun adestramento do Arosa 2021/2022, tempada de debut en 2ª RFEF
Luismi, nun adestramento do Arosa 2021/2022, tempada de debut en 2ª RFEF / Cristina Saiz

Despois dunha semana de descanso obrigada pola covid, aprazando o seu partido de liga fronte ao Arenteiro, o Arosa prepárase para volver á acción este domingo 30 de xaneiro (19.00 horas, A Lomba) cun duelo " importantísimo" para o seu futuro.

Así o recoñece o adestrador arlequinado, Jorge Otero, ao recibir a visita dun rival directo pola permanencia como o Marino de Luanco, en postos de descenso na actualidade con tres puntos menos que os de Vilagarcía.

"Foi unha semana rara, estraña, por non poder contar con todos", asegura Otero coa esperanza aínda de "chegar cos máximos efectivos posibles ao domingo", xa que ata última hora só o sancionado Pedro García e o lesionado Róber son baixas con seguridade. Ademáis Pablo Porrúa deu positivo na rolda de test de covid ao que foi sometida o plantel.

Esta situación fai que no Arosa estean "un pouco expectantes para ver como imos competir", explica o técnico.

En canto ao rival, Jorge Otero espera a un cadro asturiano que "está por baixo pero váinolo a poñer complicado. Non podemos despistarnos, hai moi pouca diferenza e para nós é un partido importantísimo. Moito tempo sen competir, un rival directo e o feito de gañar deixariámolos a unha distancia importante", defende o preparador arosista.

O encontro será arbitrado polo leonés Guillermo Cueto Amigo.