Dura estrea do equipo 'Ponte 1 Reto' na Titan Desert

Pontevedra
24 de abril 2016

Os catro deportistas pontevedreses que compoñen a expedición de Ponte 1 Reto na carreira marroquí estiveron máis de sete horas encima da bicicleta na primeira etapa tras realizar 35 quilómetros de máis por un erro nun cruzamento

Equipo Ponte 1 Reto na Titan Desert Ponte 1 Reto

Difícil primeira etapa para os catro deportistas pontevedreses que se embarcaron na durísima Titan Desert, carreira de BTT por etapas que se disputa en Marrocos.

Os integrantes de Ponte 1 Reto, equipo que pretende dar visibilidade á loita contra Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA), permaneceron máis de sete horas encima da bicicleta para completar a primeira xornada, con 110 quilómetros de percorrido e máis de 2.000 metros de desnivel acumulado con saída e chegada na localidade marroquí de Ifrane.

Todo comezou ben para Pablo Fernández, Josevi Cimadevila, Fran Valiñas e Víctor Pampín. Marchaban entre os 150 primeiros clasificados ata que o grupo no que circulaban, duns 50 deportistas, confundiuse nun cruzamento, o que lles obrigou a realizar case 35 quilómetros extra e elevou o esforzo necesario para chegar a meta.

Os primeiros pontevedreses en chegar ao final da etapa foron Fran Valiñas e Pablo Fernández, tras 7 horas e 12 minutos de carreira. Despois chegaría Josevi Cimadevila no posto 252 tras 7 horas e 40 minutos, mentres Víctor Pampín marcou a posición 266 con 7 horas e 47 minutos.

O equipo Ponte 1 Reto debe afrontar aínda outras cinco duras xornadas en condicións extremas ata completar o seu obxectivo, finalizar a Titan Desert.