Bonita xornada de balonmán a que lle espera este sábado 30 de novembro aos afeccionados pontevedreses, con interesantes partidos de Teucro e Cisne na División de Honra Prata de Balonmán.
No Municipal (20:30 horas) recibirá o Teucro ao Balonmán Alcobendas, quinto clasificado con 11 puntos, os mesmos que os azuis.
Os de Luís Montes, despois de catro xornadas sen gañar e de ceder un empate sobre a bucina en Zarautz, non poden permitirse máis tropezos, e menos ante os seus afeccionados. Con esa presión reciben a un cadro madrileño que chega de gañar a última xornada recuperándose de tres semanas sen facelo.
O técnico teucrista non poderá contar para a cita con Ferrán Cisneros por lesión.
En dinámica oposta chega á undécima xornada o Cisne, consolidado no liderado da categoría tras un inicio de liga espectacular (9 vitorias e unha sóla derrota).
Os de Jabato enfrontaranse no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (18:00 horas) ao Antequera, equipo que chega a catro puntos de distancia na cuarta posición (12 puntos). Sen problemas de lesións, os pontevedreses tentarán prolongar polo menos unha semana máis o seu bo momento.
Será o seu segundo encontro consecutivo como locais, tras a vitoria do pasado sábado contra o Zamora.