Ecuador superado para o reto pontevedrés na Titan Desert

Pontevedra
03 de maio 2017

Problemas mecánicos e físicos, ademais da dureza dunha das carreiras máis esixentes do planeta, non deteñen ao equipo Ponche 1 Reto, que por segundo ano participa na Titan Desert que se disputa no deserto marroquí e que pelexa por completar a proba

Pablo Fernández durante a Titan Desert 2017
Pablo Fernández durante a Titan Desert 2017 /

Por segundo ano consecutivo o equipo pontevedrés Ponte 1 Reto afronta unha das probas deportivas máis esixentes do planeta, a Titan Desert.

Calor, dunas ou navegación no medio do deserto marroquí son algúns dos retos que se están afanando en superar os aventureiros que compoñen a expedición pontevedresa.

Nunha carreira por etapas de semellante dificultade xurdiron desde o primeiro quilómetro problemas mecánicos e tamén físicos que fan que o esforzo sexa máximo.

O maior prexudicado foi por agora Manuel Caramés 'Fallolli', que tras sufrir para concluír a primeira etapa por culpa dunha gastroenterite, non puido tomar a saída na segunda xornada de competición.

O resto do equipo completou este martes o ecuador da competición, finalizando a terceira etapa da carreira na que a dificultade era máxima, con 25 quilómetros de navegación polo deserto coa única axuda do GPS para un total de 103 quilómetros de percorrido nunha das xornadas máis duras sobre o papel.

Os primeiros en completar o esixente perfil da etapa foron Fran Valiñas e Juan Hernández, nos postos 87 e 88 da xornada tras empregar un tempo de 6 horas e 8 minutos. Tamén xuntos chegaron Josevi Cimadevila e Pablo Fernández (6 horas e 40 minutos) nos postos 128 e 129. Máis problemas tiveron Víctor Pampín e sobre todo Paco Magdalena, afectado tamén de gastroenterites, atravesando a liña de meta tras 8 horas e 20 minutos de esforzo.

Estes seis aventureiros continuan en carreira cun único obxectivo, aguantar as tres etapas que restan e poder atravesar a liña de meta o vindeiro venres 5 de maio confirmando que son uns auténticos 'titáns'.