O Poio Pescamar móvese por partida dobre.
Nas últimas horas confirmou unha renovación e unha saída no seu primeiro equipo.
Por unha banda non seguirá no conxunto conserveiro Rocío Molina, que porá fin a un breve ciclo dunha tempada na Seca.
A xogadora andaluza participou este curso en 32 partidos pero só dous deles partindo como titular, achegando tres goles.
A que si renovou o seu compromiso co Poio Pescamar é Èlia Gullí.
A pesar dun inicio de curso complicado polas lesións, debutando na novena xornada do campionato, a ala catalá foi gañando peso e terminou despuntando sendo a máxima realizadora do tramo final de tempada.
En total participou en 24 partidos, con 13 titularidades, 11 goles e 3 asistencias.
Èlia é a cuarta futbolista confirmada no cadro vermello para a próxima tempada, sumándose a unha lista na que xa estaban Ale de Paz, Martita e a gardameta Elena.