Elías Espiñeira asume o mando na coordinación do Pontevedra: "Hai dous retos, deportivo e corporativo, pero van da man"

Pontevedra
05 de outubro 2023

O novo mánager xeral do Pontevedra Club de Fútbol, Elías Espiñeira, foi presentado oficialmente este xoves na sala de prensa do Estadio Municipal de Pasarón. "Hai unha dirección xeral e unha dirección deportiva, eu non veño ocupar o posto de ninguén", asegura poñéndose como un dos seus retos "conseguir chegar ao fútbol profesional"

Lupe Murillo e Elías Espiñeira, chegando á sala de prensa do Estadio Municipal de Pasarón
Lupe Murillo e Elías Espiñeira, chegando á sala de prensa do Estadio Municipal de Pasarón

O Pontevedra Club de Fútbol presentou oficialmente este xoves o seu novo mánager xeral, Elías Espiñeira, que volve á que foi a súa casa entre 2003 e 2008 tras abandonar o seu labor como xefe de partido na Liga F.

"Hai unha dirección xeral e unha dirección deportiva, eu non veño ocupar o posto de ninguén, veño coordinar todo iso baixo a miña experiencia nas competicións profesionais", explicou sobre a súa función.

Ao seu carón, a presidenta Lupe Murillo recoñecía que "vivimos estes dous anos unha deriva importante no social e o deportivo". De aí a aposta por potenciar a estrutura da entidade cun home que achegue "maior coordinación, máis presenza social e institucional".

Para Espiñeira esta nova etapa que se abre "é un reto" que lle motiva e moi diferente á súa primeira estancia no club. "Cando cheguei aquí tiña máis ilusión que coñecementos. Foron cinco anos marabillosos" rememora, pero tras 15 anos acumulando valiosas experiencias incluído no fútbol profesional aterra de novo na súa casa e preto de parte da súa familia, outro dos motivos para aceptar o cargo.

En canto aos seus obxectivos "hai dous retos, un deportivo e outro corporativo, pero ambos van da man", defende. No primeiro apartado mira alto para "tentar conseguir chegar ao fútbol profesional porque vai axudar á sustentabilidade, hai máis ingresos, repecusión, hai máis todo e é mellor crecer así, pero agora estamos onde estamos, nunha competición deficitaria".

E no corporativo "é a marca, o produto, pero é a sustentabilidade, isto é unha empresa e hai que facela sostible", e tamén "fomentar as relacións con afeccionados, seguidores, patrocinadores, todo vai da man".

De momento está aínda aterrando, para aos poucos, aseguran tanto o club como o proio Elías Espiñeira, ir marcando novas pautas que permitan dotar o Pontevedra "dunha estrutura cada vez máis sólida".