"Conseguimos que desas poucas persoas que estaban no CGTD pasasen a encher un pavillón contra o Barça ou contra o Cangas", así describía Alejandro Conde a evolución do Club Balonmano Cisne durante os últimos anos no acto de despedida de Conde e de Carlos Pombo.
Ambos os xogadores abandonan o club pasando a ser referentes na historia recente da entidade azul, segundo indicaba o presidente Santiago Picallo durante a súa intervención ante numerosos integrantes do conxunto pontevedrés.
Alejandro Conde fixo un repaso da súa traxectoria no Cisne e das persoas que lle axudaron a crecer durante todos estes anos desde que chegou na primeira tempada de Jabato.
"Álex é un dos xogadores referentes, dos máis veteranos, dos que entendía máis o club", apuntaba Picallo mentres Conde lembraba os seus inicios e tivo palabras de agradecemento a diferentes persoas da entidade e equipos directivos e técnicos.
Afirmou que os novos xogadores do club teñen un gran futuro por diante e desexou o mellor a Quiños, novo adestrador, porque "é un traballador e unha persoa excepcional. Os seus éxitos serán os do club".
Sinalou que o éxito "é irme coa conciencia moi tranquila de que o dei todo polo club", indicaba emocionado.
Carlos Pombo, pola súa banda, indicou que "é indescritible a sensación" de pertenza ao Cisne: "non hai palabras para describir isto. Eu creo que, sobre todo, é polo elemento humano".
Destacou o esforzo que fai cada persoa para chegar aos partidos e que o público "goce de nós". Tamén insistiu no futuro prometedor da canteira: "moi poucos clubs conseguiron o que conseguiu o Cisne".
Ademais, puxo en valor á familia Picallo e a atención que teñen cos xogadores: "a min persoalmente axudáronme moitísimo en situacións persoais e creo que iso é o máis importante. Ven o valor da persoa".
Santiago Picallo, tamén nunha escena moi emotiva, agradeceu as palabras dos xogadores: "escoitar esas palabras de agradecemento son as causas que empuxan un pouco a seguir, a pesar das dificultades que hai e todas as situacións que nos rodean", explicou o presidente que cumpre 32 anos á fronte da entidade.