Empate do Leis en Benavente e dura derrota do ADFS Bueu

Pontevedra
29 de febreiro 2016

Pola súa banda o equipo feminino do Leis Pontevedra caeu derrotado con claridade na pista do líder da Segunda División, o Unami

Partido entre Leis e Pizarras Los Tres Cuñados
Partido entre Leis e Pizarras Los Tres Cuñados / Diego Torrado

O Leis Pontevedra tívose que conformar cun punto na súa visita á cancha do Atlético Benavente (4-4) tras un partido de alternativas e moita igualdade.

Comezou o partido presionando o Benavente e encerrando aos pontevedreses, pero serían os de Manu Cossío os primeiros en golpear cun tanto de Gabi tras unha xogada de estratexia. O empate chegaría pronto nunha xogada desafortunada, cun gol en propia meta de Berto, e os locais aproveitaron o momento para conseguir vantaxe ao descanso nun dobre penalti.

Na continuación, a pesar da boa saída do Benavante, o Leis subiu a presión e iso traduciuse no empate por medio de Miguel, aínda que de novo os locais tomaron vantaxe.

Os pupilos de Mannu Cossío non viñeron abaixo e conseguiron remontar con goles de novo de Gabi e Miguel, apoiados pola parada de Ilian a un lanzamento de penalti.

Chegaba en vantaxe o Leis ao tramo final, pero a falta de dous minutos o Benavente aproveitaría un rexeite para conseguir o último tanto para empatar. Na celebración o local José María sería expulsado, pero os pontevedreses non conseguiron materializar a superioridade nas últimas accións.

O empate mantén ao Leis na quinta praza da Segunda División B, con 34 puntos.

Peor lle foron as cousas ao ADFS Bueu, que empeza a quedar descolgado no último posto con 13 puntos, a seis dos seus principais rivais pola permanencia, tras caer de maneira clara na cancha do Pizarras Los Tres Cuñados (2-7), nun choque no que foron superados por un rival máis experimentado e que desde a defensa desesperou aos do Morrazo, sobre todo na primeira metade.

DERROTA DO LEIS MARCÓN FEMININO ANTE O LÍDER

Non puido protagonizar unha nova xesta o Leis Marcón na súa visita ao líder da Segunda División Feminina, o Unami, e cederon de maneira contundente (7-2) nun partido no que as xogadoras pontevedresas víronse afectadas polo longo desprazamento.

O Leis Marcón queda así na novena praza con 17 puntos.