Terceiro compromiso amigable da pretempada para o Pontevedra Club de Fútbol e primeira ocasión na que non finaliza con vitoria, tras o triunfo no Trofeo Luís Otero ante o Lugo e a goleada no campo do Vilalonga.
Nesta ocasión o rival era o Ourense CF, equipo recentemente ascendido á Segunda RFEF, e o escenario o estadio do Couto.
Antonio Fernádez presentou un once inicial con tres mozos do filial como Felipe Cigales, Sergio Abal e Rachu xunto a nomes do primeiro equipo como Cortés en portería e Churre, Samu Araújo, Miguel Román, Oier Calvillo, Rubio, Rufo e Brais Abelenda.
Aínda que con pouco ritmo e profundidade, a primeira metade dominouna o Pontevedra, que aproveitou unha das súas poucas ocasións antes do descanso para poñerse en vantaxe. Rufo habilitaba a Brais nunha bonita e rápida acción, e o de Val do Dubra superaba ao porteiro por alto, o balón pegaba no pau pero aproveitaba o rexeite para marcar.
Empate entre o @Ourense_CF e o @PontevedraCFSAD (1-1)
— En Xogo tvG2 (@EnXogo_tvG2) August 3, 2022
@BorjaDoming e @BraisAbelenda
Nos penaltis, pleno de acertos do Ourense CF que levou o trofeo
En G24 https://t.co/KZ4ZsuEpcd pic.twitter.com/69Ugl7AcBJ
Tras o descanso Antonio, como é habitual neste tipo de encontros, deu entrada a unha segunda unidade para repartir o máximo de minutos posibles. Entraron así no terreo de xogo Pablo Cacharrón, Ángel Bastos, David Soto, Boiro, Yelko Pino, Jaichenco, Martín Diz, Víctor e Charles. Máis tarde faríano tamén Mario Ortiz, Balea e Álex González.
Non lle gustou ao técnico granate a actuación dos seus no segundo acto, recoñecendo que foi "unha segunda parte coa que non estou nada contento, vin moito máis desorde".
Froito diso o conxunto local conseguiría a igualada no minuto 60 cun tanto de Borja Domingo.
Con empate chegaríase ao final do tempo regulamentario, decidíndose desde o punto de penalti o vencedor do torneo que organizaba o Ourense CF. Desde os once metros os locais non fallaron, pero si o fixo Álex González, deixando o trofeo na casa.