Empate sen goles no derbi entre Arosa e Ribadumia

Umia
13 de decembro 2020

Chegou o día do derbi máis esperado de Terceira División. Arosa e Ribadumia víronse as caras na Lomba para disputar o encontro correspondente correspondente á décima e penúltima xornada da primeira volta da categoría

Partido entre o Arosa e o Ribadumia na Lomba
Partido entre o Arosa e o Ribadumia na Lomba

Chegou o día do derbi máis esperado de Terceira División. Arosa e Ribadumia víronse as caras na Lomba para disputar o encontro correspondente correspondente á décima e penúltima xornada da primeira volta da categoría. Os locais chegaban en alza á cita, enlazando unha vitoria tras outra que os colocou líderes na clasificación. O equipo arlequinado, pola súa banda, atopábase en bo momento tras sumar seis puntos consecutivos ante rivais da zona baixa da clasificación que os fixo escalar ata a cuarta praza.

Con respecto ao encontro, ata o minuto 13 non chegou a primeira primeira gran ocasión, onde o goleador arlequinado, Pedro Beda, non foi capaz de materializar o centro de Javi Fontán ao enviar o disparo ao lateral da portería defendida por Rober Pazos.

Non tardou o Ribadumia en responder, como non, por mediación de Fran Fandiño. O xogador aurinegro sacouse unha maxistral vaselina que se foi rozando o traveseiro local.

Así foron pasando os minutos ata chegar ao descanso, onde o Ribadumia fixo valer o seu nivel defensivo visto ata o momento para salvarse das poucas ocasións do seu rival, e este tentando facer dano con xogadas polos laterais.

Tras o descanso, durante os primeiros compases foron os de Luís Carro os que se fixeron co control do esférico para facer sufrir a un Arosa afeito pasalo mal como local. 10 minutos despois, Rober tentou abrir a lata cun disparo desde o frontal pero non viu porta.

Quedaba pouco máis dun cuarto de hora de partido e o Arosa seguía buscando o gol. Pedro Beda volveu telo nas súas botas tras iniciar a xogada, descargar a Javi Fontán ao extremo dereito e este devolver un centro raso ao centro da área para un Beda que obrigou a estirada de Rober Pazos.

Chegaban os minutos finais e o colexiado expulsou ao dianteiro Charles tras realizar unha chilena dentro da área no seu intento de rematar unha falta botada desde o medio do campo. Para mala fortuna do xogador aurinegro, no canto de golpear o balón pateou a cabeza do defensor e deixou aos seus cun menos.

Xa no tempo de desconto, o Arosa non deixou de acosar a portería visitante pero sen fortuna. Sanabria probaba cabeceando un centro ás mans de Roberto Pazos e, acto seguido, a defensa aurinegra volvía pasar apuros para despexar o remate de Cotilla.

Finalmente, empate sen goles no derbi celebrado na Lomba. Con este resultado o Arosa segue líder con 22 puntos e o Ribadumia cuarto con 15 puntos.

O próximo partido do Ribadumia será do de Copa do Rey ante o Cádiz o xoves 17 de decembro ás 19.00 horas na Senra.

Consulta a acta do Arosa-Ribadumia