Coa chegada do mes de agosto terminou o descanso para o Marín Futsal, que regresa ao traballo coas pilas cargadas e coa ambición de consolidarse na Primeira División.
O segundo proxecto marinense na máxima categoría deu comezo de maneira oficial este luns co seu primeiro adestramento no pavillón da Raña.
Baixo a dirección do novo adestrador do equipo, Ramiro Díaz, o Marín Futsal aspira a seguir crecendo, e así o demostran ambiciosas incorporacións como a campioa continental Ale de Paz ou as súas tamén compañeiras no Burela campión de todo, Lara Balseiro e Bea Mateos, ademais da brasileira Sara Santos.
A nómina de novidades complétana na portería Lucía Paz e a xuvenil Iria Varela, ambas as dúas procedentes do Poio Pescamar, e a ourensá Nuria Rodríguez.
En canto ao plantel, continúan un ano máis na entidade do Morrazo: Silvia Aguete, Ceci, Café, Pau, María León, Adri, Marta Gago e Inés Mayán.
Por diante o equipo dirixido por Ramiro Díaz ten agora un mes e dez días de preparación antes do primeiro partido de liga, previsto para a segunda fin de semana do mes de setembro.