En Ponferrada elevan a categoría de 'final' o duelo ante o Pontevedra

Pontevedra
28 de febreiro 2019

O conxunto berciano chega ao duelo nun mal momento, que lle levou a caer desde o liderado que ocupaba ao final da primeira volta ata a sétima praza actual. "Sabemos lo que nos jugamos esta semana", asegurou este xoves en rolda de prensa o segundo capitán dos branquiazuis, Ríos

Adestramento da Ponferradina
Adestramento da Ponferradina

O fútbol é moitas veces cuestión de dinámicas, e a que arrastra nas últimas semanas a Ponferradina fíxolle dar especial importancia ao duelo que lle enfrontará o vindeiro domingo no Toralín ao Pontevedra.

Os granates chegarán á cita quizais no seu mellor momento e coa intención de lograr tres puntos que lle dean o empuxón definitivo cara aos postos de play-off de ascenso. Pola súa banda, o conxunto berciano quere lograr unha vitoria que supoña un punto de inflexión e lle permita reunir a confianza perdida.

Os de Jon Pérez 'Bolo' pecharon a primeira volta da liga como líderes con 36 puntos, pero desde entón sumaron só 6 puntos en 7 xornadas para caer á sétima praza, unha por detrás do Pontevedra. Son de feito o décimo sexto equipo no que vai de segunda metade de campionato.

"Todos los jugadores sabemos lo que nos jugamos esta semana", recoñeceu este xoves en rolda de prensa o segundo capitán da Ponferradina, Ríos, sobre un Pontevedra ao que cualificou como "uno de los equipos más intensos de la liga".

O futbolista do cadro branquiazul asegurou ademais que unha das claves para os seus será "no pecar de ese nerviosismo que a veces tenemos de querer acabar las jugadas antes de tiempo", e que lles penalizou nas últimas xornadas.

Tamén Isi Palazón asumiu esta semana en rolda de prensa que "mentalmente estamos en un pequeño bache", o que lles levou a pensar que "a partir de ya son todo finales", xa que unha derrota ante os granates faríalles distanciarse do tren dos catro primeiros postos.

A boa noticia para Bolo é que, salvo contratempo, recuperará este domingo ao pichichi do grupo, o ex-xogador do Pontevedra Yuri (17 goles) e que perdeu o último encontro en Bouzas por molestias no cuádriceps. Ademais poderá contar con Jon García tras cumprir sanción, polo que terá a todo o seu plantel dispoñible.