Enerxías renovadas para a volta á competición do Bádminton Ravachol

Pontevedra
14 de xaneiro 2021

O conxunto pontevedrés, reforzado con dúas fichaxes nas últimas semanas, volve competir na División de Honra este sábado 16 de xaneiro recibindo no Centro  Galego de Tecnificación Deportiva o Bádminton Rinconada

Partido entre o Club Bádminton Ravachol e o Bádminton Oviedo
Partido entre o Club Bádminton Ravachol e o Bádminton Oviedo / Cristina Saiz

Acabou o descanso para o Bádminton Ravachol Pontevedra, que este sábado 16 de xaneiro (17.00 horas) volve á competición na División de Honra tras o parón do Nadal.

Farao con enerxías renovadas e un equipo reforzado tras as fichaxes de Javier Sánchez e Elena Fernández recibindo no Centro Galego de Tecnificación Deportiva o Bádminton Rinconada, o equipo máis laureado a nivel nacional con 12 títulos ligueiros no seu palmarés e dous bronces na Copa de Europa.

O plantel sevillano conta con xogadores destacados como Carlos Piris ou Laura Molina, ademais de tres deportistas ingleses de gran nivel. Con todo a presenza destes, do mesmo xeito que a dos británicos do Ravachol, está condicionada pola crise sanitaria e o Brexit.

A esas baixas deberán sobrepoñerse no cadro pontevedrés, que buscará a súa primeira vitoria do curso ante o actual cuarto clasificado.

"Empezar a sumar puntos é fundamental para agarrarnos á permanencia, unha vitoria daríanos un impulso enorme tanto na clasificación como na moral do equipo, e aínda que sabemos que eles son os favoritos, imos deixarnos a pel na pista loitando cada partido", sinalou sobre este enfrontamento o xogador Manuel Brea.