Entradas a 6 e 3 euros para ver o partido España-Xapón de fútbol sala en Marín

Marín
23 de novembro 2019

A Real Federación Galega de Fútbol informou do proceso de venda de entradas para o partido amigable que xogará en Marín a Selección Española Feminina de Fútbol Sala, actual campioa continental, o próximo 10 de decembro no pavillón da Raña

Partido da Selección Española de fútbol sala
Partido da Selección Española de fútbol sala / RFEF

A Real Federación  Galega de Fútbol fixo públicos os prezos e condicións das entradas para presenciar o partido amigable que xogarán en Marín as seleccións nacionais de fútbol sala feminino de España e Xapón.

O duelo disputarase o martes 10 de decembro no pavillón da Raña (20:00 horas).

Segundo comunicou o ente federativo, as entradas terán un prezo de 6 euros para o público xeral e de 3 euros para os e as menores de idade.

A venda e reserva de entradas de forma anticipada poderase realizar a través do correo do Club Deportivo La Peña ([email protected]) ou no teléfono 676 054 606. Ademais o día do choque habilitaranse os despachos de billetes do pavillón en horario de 10:00 a 13:30 horas e de 16:00 a 20:00 horas.

Este encontro internacional traerá consigo varias accións paralelas, empezando pola presentación prevista para o día 4 no Concello de Marín na que estará presente a seleccionadora nacional, Claudia Pons. Ademais o Concello ten previsto organizar unha recepción oficial tanto ás campioas continentais como ao combinado nipón, no que tamén estará o presidente da Federación Galega, Rafael Louzán.

Está previsto á súa vez que os dous equipos se exerciten previamente nas instalacións deportivas municipais.