Entradas de público a 15 euros para a esperada visita do Barcelona ao Pavillón Municipal

Pontevedra
22 de novembro 2022

O Club Cisne prepárase para vivir o vindeiro domingo 27 (19.00 horas) unha xornada festiva na Liga Asobal coa visita do todopedoroso Barcelona, esta vez si con numeroso público nas bancadas e sen restricións, como sucedeu hai dúas tempadas

Partido de Copa do Rei entre Cisne e Ángel Ximénez
Partido de Copa do Rei entre Cisne e Ángel Ximénez / Mónica Patxot

O Club Cisne prepárase para vivir o vindeiro domingo 27 (19.00 horas) unha xornada festiva na Liga Asobal coa visita do todopedoroso Barcelona.

Esta vez si, e non como hai dúas tempadas debido ás restricións que estaban vixentes, a cita preséntase como toda unha celebración para a entidade pontevedresa, que espera unha gran entrada no Pavillón Municipal dos Deportes.

Para este encontro, o Cisne confirmou o prezo das entradas para o público, que será de 15 euros para os adultos e de 8 euros para os afeccionados de 14 a 17 anos. Os menores que non cheguen a esa idade terán o acceso gratuíto.

Tampouco deberán pasar por despacho de billetes os socios do club.

Será unha xornada que os pontevedreses afrontarán sen presión e coa intención de ofrecer un bo nivel, pensando sobre todo nos dous seguintes compromisos cos que pecharán o ano, visitando un rival directo pola permanencia como o Guadalajara (2 de decembro) e recibindo o Logroño (10 de decembro) no Municipal.