Esixencia máxima en Boiro para un Pontevedra que quere pechar a súa presenza no play-off de ascenso

Pontevedra
29 de abril 2017

Os granates, co apoio da súa afección, buscarán este domingo (18:00 horas) no campo de Barraña deixar sentenciada ou polo menos achegarse á clasificación matemática para a fase de ascenso. Para iso necesitan gañar a un Boiro que pelexa por non descender e que Ponferradina e Valladolid empaten o seu encontro

Luisito, durante un adestramento do Pontevedra en Príncipe Felipe
Luisito, durante un adestramento do Pontevedra en Príncipe Felipe / Mónica Patxot

Non chega no seu mellor momento o Pontevedra, pero os granates queren recuperar sensacións para pechar, ou polo menos achegarse, á clasificación matemática para o play-off de ascenso.

Os de Luisito visitan un campo complicado, o Municipal de Barraña (domingo, 18:00 horas), para xogar ante un Boiro que está inmerso na pelexa por non perder a categoría e que vén de vencer en Barreiro ante o Celta B.

O Pontevedra pola súa banda, que acumula catro xornadas sen gañar, necesita un triunfo para achegarse ao seu obxectivo, que deixarían asegurado esta xornada se ademais Ponferradina e Valladolid B empatan no encontro que lles enfronta.

Con Mario Barco fóra de combate por lesión e con Álex González sancionado, Luisito deberá variar o seu once titular e buscar variables na parcela ofensiva. Con esas dúas ausencias e Portela aínda moi xusto para reaparecer tras a súa lesión de menisco, 18 son os futbolistas dispoñibles cos que conta o técnico, e todos eles entrarán na convocatoria do partido.

A importancia que o adestrador de Teo dálle ao choque demóstrase en que unha semana máis decidiu traballar dous días a porta pechada no Estadio Municipal de Pasarón, o xoves e este mesmo sábado para ultimar os últimos detalles tácticos e estratéxicos do equipo.

Tamén estará presente en Barraña a afección granate, que se desprazará en autocar e en coches particulares para tentar achegar un extra de motivación aos seus xogadores. Para eles a entrada ao estadio terá un custo de 15 euros, de 10 para os menores entre 16 e 18 anos e será de balde para os menores de 16 anos.

O colexiado do encontro será o madrileño Jerónimo Montes García-Navas, que esta campaña xa arbitrou nunha ocasión ao Pontevedra, ante o Burgos en Pasarón (2-1).