Esixente exame en Canarias para o bo momento do Arxil

Pontevedra
11 de decembro 2015

O cadro pontevedrés, despois de catro triunfos consecutivos, mide a súa recuperación na pista do terceiro clasificado no penúltimo partido do ano na liga Feminina 2

Partido Arxil - Tenerife no CGTD Diego Torrado

Catro triunfos consecutivos confirmaron a recuperación do Arxil tras un irregular inicio de tempada na Liga Feminina 2 situándolle preto dos postos de privilexio.

Unha situación difícil de imaxinar hai un mes que terá que ratificar o cadro verde nas dúas xornadas que restan antes de final de ano, nas que se enfrontará a dous duros rivais.

O primeiro deles, este sábado (21:00 horas na Península), o Arxil visita Santa Cruz de Tenerife para medirse ao Ciudad de los Adelantados, actual terceiro clasificado cun balance de oito vitorias e dúas derrotas, antes de pechar o ano na casa ante un dos colíderes, o GDKO Ibaizábal.

Será unha boa ocasión para medir o nivel e as aspiracións reais do equipo de Mayte Méndez.

En Tenerife atoparase un equipo confeccionado para loitar polo ascenso á máxima categoría, no que militan xogadoras de ampla experiencia como a ex arxilista Minata Keita, Lucía Méndez ou as estadounidenses Tyonna Outland e Woodward, entre outras.