España cita o cadete do Cisne, Rubén Sequeiros, para unha concentración xuvenil en Sierra Nevada

Pontevedra
14 de xaneiro 2020

A achega do conxunto pontevedrés ás categorías inferiores da Selección Española segue crecendo despois das convocatorias de Álvaro Prezado, Carlos Álvarez e a contratación de  Jabato como seleccionador xuvenil

Rubén Sequeiros, cadete do Cisne, citado para unha concentración en Sierra Nevada pola Real Federación Española de Balonmán
Rubén Sequeiros, cadete do Cisne, citado para unha concentración en Sierra Nevada pola Real Federación Española de Balonmán

O xogador de categoría cadete do Cisne, Rubén Sequeiros, acaba de ser seleccionado pola área técnica da Real Federación Española de Balonmán para participar nunha concentración no Centro de Alto Rendemento de Sierra Nevada entre o 12 e o 19 de febreiro.

A convocatoria da nova promesa pontevedresa, que compartirá vestiario con xogadores de categoría xuvenil, foi recibida con alegría na familia cisneísta que ve como a súa achega ás categorías inferiores da selección española non deixa de crecer. O lateral Álvaro Prezado xa é un habitual do combinado xuvenil, mentres que o extremo xuvenil Carlos Álvarez tamén foi chamado en diversas ocasións polo combinado nacional. Ademais, o adestrador do cadro pontevedrés, Javier Fernández, Jabato, foi nomeado no 2019 seleccionador do equipo de categoría xuvenil.

No CAR de Granada, Sequeiros, que se desenvolve con soltura no posto de lateral esquerdo, compartirá adestramentos con outros 67 xogadores da xeración do 2004 e 2005 pertencentes á canteira de clubs de primeiro nivel de todo o territorio español.