España esfolla a margarida: Tere Abelleira, descartada para a semifinal da Liga de Nacións

Pontevedra
23 de febreiro 2024

A centrocampista pontevedresa e o dobre balón de ouro Alexia Putellas, ambas as dúas sen a alta médica, son finalmente as descartes de España para o encontro deste venres fronte a Países Baixos, no que un triunfo supoñería a clasificación para os Xogos Olímpicos

Tere Abelleira, no adestramento da Selección Española no campo de Burgáns, en Cambados
Tere Abelleira, no adestramento da Selección Española no campo de Burgáns, en Cambados /

Era o esperado e con todo a Selección Española de Fútbol, ou máis ben a seleccionadora Montse Tomé, xogou estes días ao gato e ao rato para non dar pistas a Países Baixos para a semifinal deste venres (21.00 horas) da Liga de Nacións, na que un triunfo supoñería a clasificación de España para os Xogos Olímpicos.

O combinado nacional iniciou a súa concentración o luns con 25 futbolistas, pero só 23 podían entrar na lista final para o encontro. Entre elas estaban a pontevedresa Tere Abelleira e a dobre balón de ouro Alexia Putellas, ambas aínda sen a alta médica das lesións que lles impediron participar cos seus clubs nas últimas semanas.

A pesar desta situación non foi ata primeira hora deste venres, concluído o prazo oficial dado por UEFA para confirmar a convocatoria, cando se fixeron oficiais os descartes de Tere e Alexia, que non estarán por tanto nun partido decisivo, aínda que permanecen na dinámica da Selección.

Abelleira de feito non completara aínda ningunha sesión ao ritmo das súas compañeiras, debido á lesión no psoas da que se está a recuperar, polo que a súa presenza na fase final da Liga de Nacións parecía case que unha quimera. Aínda así a seleccionadora quixo apurar ao máximo as posibilidades ao ser a centrocampista do Real Madrid unha peza clave nos seus esquemas.

A súa ausencia na semifinal deste venres non impediría, no caso de que a adestradora así o decida, que poidan entrar na lista para a gran final do mércores 28 de febreiro, tamén en Sevilla, ou no duelo polo terceiro e cuarto posto.