Esquecida a Copa, o Teucro céntrase de novo na liga coa visita do sorprendente Balonmano Nava

Pontevedra
24 de outubro 2014

O conxunto pontevedrés recibe no Pavillón Municipal dos Deportes (sábado 20:30 horas) á revelación da categoría, un equipo que "está jugando bien y va a estar arriba todo el año", asegura Quique Domínguez

Tempo morto do Teucro no partido de Copa ante o Ángel Ximénez
Tempo morto do Teucro no partido de Copa ante o Ángel Ximénez / Diego Torrado

Volta á realidade ligueira para a Sociedad Deportiva Teucro, que defende liderado coa visita ao Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra do conxunto revelación do que vai de campionato, o Balonmano Nava (sábado 20:30 horas).

O cadro segoviano recén ascendido a División de Honra Prata marcha quinto na táboa tras un grande inicio de liga, unha situación que pode sorprender a maioría pero non os teucristas.

Polo menos o técnico lerezano, Quique Domínguez, cre que "está jugando bastante bien y va a estar arriba todo el año", unha opinión similar á do extremo Adrián Pumar, que recoñece que "sorprende un poco si piensas que es recién ascendido pero cuando ves los jugadores que tiene no sorprende tanto".

Ambos os dous citan ao gardameta Yeray Lamariano como un dos seus piares, pero prefiren centrar os seus esforzos en recuperarse axeitadamente do esforzo dunha semana na que afrontaron un duro enfrontamento en Antequera e o choque de Copa do Rei ante o Ángel Ximénez.

Con todo o cansazo non será escusa, pois o Nava tamén xogou o torneo do KO entre semana e viaxará a Pontevedra o mesmo día do partido.

No bando pontevedrés a atención céntrase en recuperar a Víctor Rodríguez, que con problemas nas costas apenas xogou en Antequera e descansou o pasado mércores.

O lateral evoluciona favorablemente e Quique Domínguez espera que participe no choque xunto ao resto dos seus compañeiros.

Os árbitros designados para o encontro son os asturianos Álvarez Menéndez e Friera Cavada.