O corpo técnico e o plantel do Pontevedra Club de Fútbol non son alleos ao malestar existente entre a afección granate polo prezo fixado polo Coruxo para as entradas do encontro do próximo domingo 20 de marzo (18.00 horas, O Vao).
"Entendo que estamos nun momento moi fodido da economía como para que nunha categoría tan baixa como é a Segunda RFEF haxa prezos tan elevados", defendeu o rolda de prensa este venres o adestrador do Pontevedra, Ángel Rodríguez.
A pesar de que prefire centrarse na parte deportiva, o técnico é consciente do papel importante que podía xogar en Vigo a súa afección. "Para nós é importantísimo que a nosa afección se desprace connosco, vímolo o día de Arenteiro, creo que é importante que se despracen contra e Coruxo pero entendo que cada un ten unhas posibilidades económicas e non hai que forzar nada a ninguén. Nós vaian ou non vaian imos tentar dar o máximo, facer un bo partido, tentar ir a por a vitoria desde o inicio e se o conseguimos e non o podemos celebrar alí celebrarémolo aquí ao chegar cos nosos afeccionados", explicou.
Rodríguez asegurou tamén entender "que eses prezos están aí por un motivo ou por outro", pero convidou a facer unha reflexión xa que "deberiamos pensar que non estamos no mellor momento para poñer estes prezos".
No que se refire ao estritamente deportivo, o adestrador granate só contará esta semana coa ausencia do sancionado Charles para medirse a un Coruxo en plena forma. "Espérome un rival que xoga ben ao fútbol, que é atrevido, é máis vertical que na primeira volta e manexa outros tempos de partido", eloxiou o preparador granate contento tamén polo feito de que o encontro se dispute finalmente no Vao unha vez finalizada a súa renovación e nun terreo de xogo en condicións envexables, algo que "é bo para o fútbol".
O colexiado do choque entre Coruxo e Pontevedra será o castelán-leonés Omar Álvarez Rodríguez.