Estar "moi concentrados" en defensa, segundo Mario Gómez, a clave para derrotar o Ourense

Pontevedra
07 de decembro 2023

Deixar a súa portería a cero "é sinónimo de puntos". Así de contundente se mostrou o central Mario Gómez antes do partido que enfrontará este sábado ao Pontevedra contra o líder, o Ourense CF, un encontro que "sabemos que será moi complicado"

Mario Gómez, adestrando co Pontevedra na Xunqueira
Mario Gómez, adestrando co Pontevedra na Xunqueira / Cristina Saiz

Deixar a súa portería a cero "é sinónimo de puntos". Así de contundente se mostrou o central Mario Gómez antes do partido que enfrontará este sábado ao Pontevedra contra o líder, o Ourense CF, un encontro que "sabemos que será moi complicado".

"Somos conscientes de que temos que estar moi concentrados en defensa", sostivo Gómez, para que os xogadores que o club granate ten na liña ofensiva e que "son moi determinantes" poidan facer gol "en calquera momento".

Se o Pontevedra logra manter imbatida a súa portería en Ourense "temos moito ganado", destacou o defensa andaluz, que asegura que a nivel persoal "voume atopando cada vez mellor" pola confianza que depositan nel tanto o corpo técnico como os seus compañeiros.

O partido contra o líder, subliñou Mario Gómez, enfrontará ao Pontevedra cun equipo "un pouco parecido a nós" e que xoga "bastante cómodo" no seu campo, de céspede artificial.

Isto fai que, para non caer nos mesmos erros que no encontro contra o Covadonga, "temos que estar moi concentrados en cada xogada", especialmente ante un equipo que "fai moitos goles a balón parado".

"Levamos toda a semana adestrando en campo artificial para afacernos e dar o máximo", detallou o defensa granate.

Gómez, un fixo na zaga pontevedresa, destacou que o corpo técnico optara pola continuidade na liña defensiva, pero reivindicou que o nivel de todos os efectivos "é moi parello", polo que "en calquera momento as cousas poden cambiar".

Xa se comprobou no último encontro ante o Compostela, coa entrada de Eneko Zabaleta no once inicial, "e que o fixo igual ou mellor que outros", segundo o seu compañeiro.