Esther Rodríguez e Facundo Ismael Medard gañan o Tríatlon Concello de Poio

Poio
30 de xuño 2018

Esther Rodríguez (Arcade Inforhouse) e Facundo Ismael Medard (Tríatlon Arteixo) proclamáronse vencedores do VIII Tríatlon Concello de Poio, proba clasificatoria para o campionato galego, celebrada este sábado

Participantes no VIII Tríatlon Concello de Poio
Participantes no VIII Tríatlon Concello de Poio / Diego Torrado

Esther Rodríguez (Arcade Inforhouse) e Facundo Ismael Medard (Tríatlon Arteixo) proclamáronse vencedores do VIII Tríatlon Concello de Poio, proba clasificatoria para o campionato galego, celebrada este sábado.

Na categoría feminina enorme superioridade de Esther Rodríguez, que se puxo en cabeza na natación e logrou sempre o mellor tempo nos tres segmentos. Así, chegou a meta na primeira posición cun tempo final de 1:11:51. O segundo posto foi para Penélope Martínez (Tríatlon Arteixo) cun tempo de 1:15:56, mentres que terceira foi Adriana Pensado (Arcade Inforhouse) cun tempo de 1:17:30.

Na proba masculina, triunfo para o triatleta do Arteixo, Facundo Ismael Medard, que fixo unha proba moi regular, sempre en cabeza xunto ao seu compañeiro de club, Federico Scarabino. Os arxentinos saíron da auga en cabeza e fixeron xuntos a bicicleta. Foi na carreira a pe onde Facundo logrou impoñerse para chegar a meta na primeira posición (1:00:24). O segundo lugar foi para Brais Canosa (Arcade Inforhouse) cun tempo de 1:01:44, e terceiro foi Federico Scarabino (Tríatlon Arteixo).

Este tríatlon disputouse sobre a distancia sprint, é dicir, os triatletas fixeron 750 metros de natación, 20 quilómetros de ciclismo e remataron con 5 quilómetros de carreira a pe.

Os gañadores doutras categorías foron:

Cadete: María Novo (Motobike) e Juan Rey (Natación Riveira).

Júnior: María Lois (Arcade Inforhouse) e Antonio Souto (Tri-Penta Terras de Lugo).

Sub 23: Adriana Pensado (Arcade Inforhouse) e Facundo Ismael Medard (Tríatlon Arteixo).

Veteráns 1: Elena Miguéns (Olímpico de Vedra) e César Montes (Tríatlon Arteixo).

Veteráns 2: Andrés López (Tríatlon Vilagarcía).

Clubs: Arcade Inforhouse (feminino) e Tríatlon Arteixo (masculino).

No Tríatlon Concello de Poio tamén se celebra unha proba popular, na que os participantes fixeron 300 metros de natación, 8 quilómetros de bicicleta e 2,5 quilómetros de carreira a pe. En total participaron máis de 220 triatletas.