Estudantes do campus e da Escola Naval mediranse nunha regata de barcos dragón

Pontevedra
10 de abril 2026

A proba celebrarase o xoves 16 de abril e disputarase nun total de tres mangas. A masculina e a feminina estarán formadas por 12 tripulantes e a de equipos mixtos, por 22 piragüistas

Regata Cátedra Almirante Álvarez-Ossorio-Trofeo Ría de Pontevedra
Regata Cátedra Almirante Álvarez-Ossorio-Trofeo Ría de Pontevedra / DUVI

Estudantes do campus de Pontevedra e da Escola Naval Militar (ENM) volverán medir as súas forzas na IV Regata Cátedra Almirante Álvarez‑Ossorio‑Trofeo Ría de Pontevedra, que se celebrará o vindeiro xoves 16 de abril, a partir das 16:30 horas, na contorna do peirao das Corvaceiras.

A cuarta edición desta competición disputarase nun total de tres mangas en barcos dragón, unha modalidade de piragüismo de orixe chinesa que combinará probas masculinas, femininas e mixtas.

A regata está organizada pola Vicerreitoría do Campus de Pontevedra e a ENM, no marco das actividades da Cátedra Almirante Álvarez‑Ossorio.

A cita naceu en 2023 como un encontro anual entre o alumnado de diversas facultades e escolas da UVigo e o Centro Universitario da Defensa (CUD), integrado na Escola Naval Militar de Marín.

Aquela primeira edición xa se disputou en barcos dragón, con tripulacións de 10 ou 20 piragüistas, máis un temoneiro e un percusionista que marca o ritmo cun tambor.

Nas dúas edicións seguintes a competición foi de remo, en 2024 con bateis e en 2025 con barcas de nove metros, para volver este ano ao dragon boat.

Nesta ocasión, a proba contará con dúas embarcacións de 12 tripulantes (unha feminina e outra masculina) e unha terceira con equipos mixtos de 22 piragüistas, procedentes de ambas as institucións.

Desenvolverase nun campo de regatas de 500 metros, con dous cevogas situadas nas inmediacións do peirao dAs Corvaceiras e da ponte da Barca.

Nas dúas primeiras mangas, os barcos percorrerán 1.000 metros, mentres que na de 22 tripulantes, deberán facer dúas voltas completas ao percorrido e completar os 2.000 metros.

O gañador acadará o Trofeo Ría de Pontevedra, ao que cada ano se engade unha placa co nome da institución vencedora, que o conservará até a seguinte edición.

Tras as dúas primeiras vitorias da UVigo, o trofeo atópase na actualidade na ENM, que se impuxo en 2025 con embarcacións de remo de 16 tripulantes na contorna do seu centro en Marín.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora