Estudos biomecánicos como preludio á tempada do Froiz

Pontevedra
30 de xaneiro 2019

O Grupo Deportivo Supermercados Froiz dará comezo á tempada cunha concentración que terá lugar en Pontevedra do 12 ao 15 de febreiro e que reunirá a todos os ciclistas e membros do equipo

Estudo biomecánico aos ciclistas do Froiz
Estudo biomecánico aos ciclistas do Froiz / Grupo Deportivos Supermercados Froiz

O inicio dunha nova tempada deportiva está ao virar a esquina para o Grupo Deportivo Supermercados Froiz.

Antes diso, a modo de preludio, a escuadra alimenticia comezou a realizar os habituais estudos biomecánicos dos ciclistas, un estudo que levan a cabo nun centro de I+D Cycling de Vigo, da man de  Biomecánica San Lázaro.

Con esta tecnoloxía, que analiza a posición e o movemento do corredor encima da súa máquina para corrixir malas posturas, téntase maximizar o rendemento do deportista á vez que se pretenden evitar lesións.

Ademais de analizar o movemento en 3D, tamén se comproba a presión sobre o sillín e se o ciclista vai ou non correctamente sentado.

Durante as próximas dúas semanas os ciclistas do Froiz irán someténdose a este estudo previo á tradicional concentración do equipo que marca o inicio da tempada, e que se celebrará en Pontevedra do 12 ao 15 de febreiro.