Ex-directivos do Leis crean o Ciudad de Pontevedra Fútbol Sala

Pontevedra
27 de agosto 2015

O proxecto, presidido por Manuel Piñón, foi presentado co apoio do resto de equipos da cidade. Nace cun equipo sénior feminino dirixido polo ex-adestrador do Leis e coas xogadoras apartadas no seu momento polo club pontevedrés

Presentación do Ciudad de Pontevedra Fútbol Sala
Presentación do Ciudad de Pontevedra Fútbol Sala

Un novo club deportivo presentouse este xoves en sociedade, o Ciudad Pontevedra Fútbol Sala, e fíxoo arroupado polo resto de entidades deportivas do municipio.

No acto, ademais da concelleira de Deportes, Anxos Riveiro, encontrábanse os presidentes de Teucro, Cisne e Gimnástica e a adestradora do Arxil. Só faltaba nesta relación Lupe Murillo, dirixente do Pontevedra, que segundo os directivos do novo club tamén apoia a iniciativa.

Fano porque detrás do proxecto se encontran caras coñecidas, históricas do deporte pontevedrés como Manuel Piñón, José Guimeráns e Juan Pedro Sanz. Os tres permaneceron ligados ao Leis Pontevedra durante máis de 30 anos, club do que se desvincularon como consecuencia da denuncia presentada por varias xogadoras contra o seu presidente.

Non só os ex-directivos involucráronse no Ciudad de Pontevedra, xa que o máximo responsable deportivo e adestrador do equipo será Jacobo Estors, cesado no Leis durente este e polémico episodio, e no plantel encóntranse as futbolistas apartadas do equipo.

O novo club nace cun equipo sénior feminino que competirá en Liga Autonómica co obxectivo de  "ascender, porque se ha configurado un equipo para intentar llegar a Segunda División", explicou Juan Pedro Sanz.

Pola súa banda o presidente do Ciudad de Pontevedra, Manuel Piñón, sinalou que a entidade nace para "seguir peleando por la ciudad y su fútbol sala". A intención é traballar para pouco a pouco "configurar equipos de base" que amplien a estrutura dun club que tamén pensa en competir nas categorías masculinas.

Polo momento, o conxunto sénior feminino é o primeiro en estrearse. Leva dúas semanas adestrando na que será a súa nova casa, o pavillón da Cidade Infantil de Príncipe Felipe.