Exame ao bo momento do Poio Pescamar e oportunidade para o Marín Futsal de recuperar o ritmo

Marín
25 de novembro 2022

O conxunto conserveiro buscará este sábado (18.30 horas) na Seca a súa oitava vitoria consecutiva en liga na visita do Leganés, nun choque enmarcado dentro da campaña da Xunta de Galicia pola Igualdade con motivo do 25N

O partido entre Poio Pescamar e Leganés, enmarcado dentro da campaña da Xunta de Galicia con motivo do 25N
O partido entre Poio Pescamar e Leganés, enmarcado dentro da campaña da Xunta de Galicia con motivo do 25N / Poio Pescamar FS

O Poio Pescamar vive o mellor arranque ligueiro da súa historia na Primeira División, pero quere máis. Consolidado no terceiro posto con 24 puntos, a 3 do liderado, e con só un partido perdido e 8 vitorias esta campaña, o cadro conserveiro poñerá en xogo a súa boa serie este sábado 26 de novembro na Seca (18.30 horas).

O equipo vermello buscará o que sería o seu oitavo triunfo consecutivo na liga contra o Leganés, actual duodécimo clasificado, nun choque enmarcado dentro da campaña da Xunta de Galicia pola Igualdade con motivo do 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller.

Desde o Poio Pescamar súmanse a esta campaña cunha especial promoción da mesma a través da súa web e redes sociais.

En canto ao plano deportivo, Luís López-Tulla contará esta xornada con todo o plantel á súa disposición.

Pola súa banda o Marín Futsal, tras encaixar dúas derrotas en tres xornadas ante os dous colíderes, quere recuperar o ritmo da competición na súa visita á cancha do Móstoles (sábado, 18.30 horas), décimo clasificado a 2 puntos das marinenses.