A Sociedad Deportiva Teucro volve pescar en Vigo pechando a incorporación do que é o seu segundo reforzo estival, o gardameta Jorge García Lloria.
O experimentado porteiro, que conta na súa carreira con tres ascensos á Liga Asobal (Octavio, Guadalajara e Huesca), comprométese cos azuis para as dúas próximas tempadas.
Lloria chega a Pontevedra procedente do Academia Octavio, onde xa coincidiu co actual técnico teucrista, Quique Domínguez, e compartiu equipo co central Borja Méndez, primeira fichaxe do equipo.
"É un porteiro experimentado, coñecedor da categoría e moi traballador. É un xogador ao que lle gusta moito estudar aos seus rivais. Ademais, é un deses xogadores que axudan a que o ambiente de vestiario sexa san e positivo", recoñeceu o adestrador azul.
O gardameta defendía as cores do Academia Octavio desde o ano 2012, na que era a súa segunda etapa no club vigués.