O xogador coruñés Marcos Remeseiro, que chega procedente do Bergantiños, incorpórase á disciplina do Arosa de cara á tempada 2025-2026.
O centrocampista, cuxa fichaxe anunciou o club este xoves, ten unha ampla e contrastada experiencia en Segunda RFEF e en Terceira RFEF.
A entidade arlequinada subliña que Remeseiro destaca pola súa técnica e visión de xogo e pola súa competitividade, aportando experiencia e talento para a medular do equipo.
O novo xogador do Arosa, que cumprirá 33 anos en apenas catro días, formouse nas categorías inferiores do Ural Español CF e pasou polo Racing de Ferrol, co que debutou en Segunda B tendo só 16 anos.
Estivo tamén no Galicia de Mugardos e no Cerceda antes de fichar polo RC Deportivo B e, máis tarde, xogou no Somozas, Real Oviedo Vetusta, Boiro e Compostela.
A súa última etapa desenvolveuna no Bergantiños, onde estivo nas últimas seis tempadas, tres delas en Segunda RFEF logo de lograr dous ascensos.
Durante a súa presentación, Remeseiro asegurou que o Arosa "demostrou un interese moi grande" nel desde o primeiro momento, polo que cando recibiu a chamada non o dubidou porque "era vir a un equipo grande de Galicia".
"É importante estar onde a un o valoran e así me sentín en todo momento", afirmou o xogador, que afirmou que chega a Vilagarcía "con moitísima ilusión e moitísimas ganas de devolver a confianza depositada en min".
Confía en poder dar na Lomba o seu mellor nivel "para cumplir os obxectivos" dun equipo que "ten que estar na Segunda RFEF", para o que se mostrou disposto "a dar o 100% en todas as facetas, tanto dentro como fóra do campo".