Falece aos 51 anos Luís Márquez, xogador histórico do Betis e ex do Pontevedra

Pontevedra
17 de abril 2023

O centrocampista sevillano defendeu a camiseta do Pontevedra na tempada 2002-2003, fichando polos granates directamente desde a Primeira División e como unha das primeiras grandes apostas da época de Nino Mirón como presidente da entidade

Luis Márquez, nun partido co Real Betis Balompié
Luis Márquez, nun partido co Real Betis Balompié / Real Betis Balompié

O mundo do fútbol espertouse este luns cunha triste noticia, o falecemento do sevillano Luis Márquez aos 51 anos de idade.

Xogador histórico do Real Betis Balompié, Márquez defendeu tamén ao longo da súa traxectoria a camiseta do Pontevedra Club de Fútbol. Será lembrado de feito como unha das primeiras grandes fichaxes da época de Nino Mirón á fronte da entidade.

De feito o centrocampista aterrou no Estadio Municipal de Pasarón directamente desde a Primeira División, tras sete campañas consecutivas na máxima categoría no propio Betis e finalmente no Real Valladolid.

Foi no verán de 2002. O Pontevedra, que viña de ser cuarto disputando o primeiro play-off de ascenso a Segunda da etapa Mirón, redobraba a súa aposta con Milucho no banco, que terminaría sendo relevado no cargo por José Aurelio Gay ao pouco de empezar a tempada.

Márquez foi xogador importante aquel curso, disputando 31 partidos (26 como titular) nos que anotou 3 goles. Os granates repetirían cuarta posición para xogar unha fase de ascenso na que levou o gato á auga o Ciudad de Murcia, e na que tamén estaban Castellón e Barakaldo. O premio do ascenso chegaría un ano despois, pero xa sen Luis Márquez no equipo ao fichar polo Real Xaén.

Segundo explica o Real Betis Balompé na súa páxina web oficial "desde hai anos, Luis Márquez viña loitando contra unha cruel enfermidade que o obrigou a pasar polo quirófano en varias ocasións, mostrando unha fortaleza e unha enteireza que sempre mereceu o eloxio dos seus compañeiros e amigos".