O balonmán galego está de loito. Andrés Rico, o espectador agredido durante un partido de balonmán de categorías de base o pasado 15 de decembro de 2024 no pavillón de Vilalonga, no municipio de Sanxenxo, faleceu na madrugada deste luns 24, tras máis de dous meses hospitalizado.
Non puido superar as graves lesións sufridas naquel tráxico incidente con outro espectador, que lle provocou unha fractura cranial e o mantivo en estado crítico durante semanas.
A familia de Andrés quixo agradecer publicamente a todo o persoal do Hospital Álvaro Cunqueiro, en especial aos equipos das áreas F2, UCI2 e REA2, "pola súa profesionalidade, atención e empatía mostrada durante estes máis de dous meses de pesadelo".
A Federación Galega de Balonmán (FGB) publicou unha emotiva carta dirixida á vítima, na que expresou a súa dor e indignación ante o sucedido.
No texto, a FGB pediu perdón repetidamente por non ter sido capaz de evitar este "fatídico suceso" e por non actuar con maior contundencia contra a violencia no deporte. Tamén agradeceu a Andrés a súa implicación e o seu exemplo, destacando que a súa memoria seguirá viva nos pavillóns galegos.
O incidente ocorreu durante un partido de categoría cadete feminina entre o Sanxenxo Balonmán e o BM Rasoeiro do Grove. Segundo testemuñas, un espectador, identificado como familiar dunha integrante do equipo visitante, agrediu a Andrés, un home de preto de 70 anos que resultou ser o avó do árbitro do encontro.
A vítima sufriu unha fractura cranial e foi trasladada de urxencia ao hospital, onde permaneceu en estado grave ata o seu falecemento.
O suceso provocou a suspensión inmediata do partido e unha onda de indignación no ámbito deportivo. A Federación Galega de Balonmán condenou "enerxicamente os lamentables actos de violencia" e convocou unha reunión de urxencia cos clubs para adoptar medidas que prevían futuros incidentes.
Tanto o Sanxenxo Balonmán como o BM Rasoeiro mostraron a súa total colaboración para esclarecer os feitos e rexeitaron calquera acto de violencia. O Rasoeiro destacou nas redes sociais que "non estamos ante unha situación con 'dúas partes implicadas', senón ante un acto de agresión no que hai un agresor e unha vítima".
CARTA DA FEDERACIÓN GALEGA DE BALONMÁN
Esta é a carta da FGB dirixida a Andrés:
"Querido Andrés, que inxusto, que impotencia, canta indignación...
Encantaríanos poder dicirche tantas cousas que non sabemos por onde comezar, pero o que si temos claro é que hoxe imos dicir o que levamos tempo querendo dicir.
Co risco de equivocarnos, cremos que o máis lóxico sería comezar polas desculpas, así que antes de nada: PERDÓN. PERDÓN por non ser capaces de impedir o fatídico suceso que desgraciadamente nos leva a escribir estas sinceras pero orfas palabras. PERDÓN por chegar tarde; PERDÓN por non avisar e por non ter sido capaces de transmitir de xeito eficiente que sen respecto nada disto ten sentido. PERDÓN por non parar antes, por non envorcarnos dende o primeiro conflito na loita contra esta lacra; PERDÓN por non acadar que máis de un entenda que a violencia non só é cousa de golpes. PERDÓN por non lograr que quen lexisla e regula, a lo menos intúa que o que hai non chega. PERDÓN por non poñer fin a que uns desfruten a costa de que outros sufran. PERDÓN por sentirnos sos; PERDÓN polo despropósito de que quen provocou a túa partida aínda teña máis que dicir e siga a facer vida normal; PERDÓN por todas esas persoas que non ven o problema porque non lle tocou de preto. PERDÓN por non ser capaces de impedir a túa viaxe.
GRAZAS por permitirnos coñecer a túa estupenda e unida familia; GRAZAS por ser un exemplo e promover o que o balonmán debería sementar, GRAZAS pola túa implicación, polo teu agarimo; GRAZAS por sacrificarte para cambiar algo que moitos negan; GRAZAS por dar a oportunidade de romper con todo isto. GRAZAS por estar aí Andrés, GRAZAS porque sabemos que aínda que non te vexamos nos nosos pavillóns, sempre estarás con nós.
D.E.P Amigo, moito ánimo e a aperta mais grande do mundo para a túa familia de parte de todo o balonmán galego."
O balonmán galego segue comprometido coa loita contra a violencia no deporte, baixo o lema #ASINON, defendendo un balonmán libre de agresións e cheo de valores.
