Falece Fran Teixeira, o adestrador galego de balonmán máis laureado de todos os tempos

Pontevedra
31 de agosto 2021

O balonmán galego chora hoxe a un dos seus grandes referentes e auténtico mestre de técnicos. O adestrador Fran Teixeira faleceu, aos 63 anos de idade, como consecuencia dun cancro de colon contra o que levaba máis de catro anos loitando, pero que non lograra apartarlle da súa paixón, adestrar, ata o final

Fran Teixeira, nun partido co Chapela no CGTD
Fran Teixeira, nun partido co Chapela no CGTD / Diego Torrado

O balonmán galego chora hoxe a un dos seus grandes referentes e auténtico mestre de técnicos. O adestrador Fran Teixeira faleceu, aos 63 anos de idade, como consecuencia dun cancro de colon contra o que levaba máis de catro anos loitando, pero que non lograra apartarlle da súa paixón, adestrar, ata o final.

Non foi ata mediados do pasado mes de xullo cando Fran decidiu renunciar ao cargo de adestrador do Chapela, onde nos últimos tempos contaba co apoio do seu fillo Adrián, no que estivo nada menos que 14 anos, entre eles 3 tempadas na máxima categoría, período no que foi protagonista da idade de ouro do balonmán galego, cando na provincia de Pontevedra, e nun radio de apenas 30 quilómetros, nada menos que catro clubs, Teucro, Octavio, Cangas e Chapela, competían en Liga Asobal.

Fran Teixeira é de longo o técnico galego máis laureado da historia. Durante oito anos dirixiu á Sociedad Deportiva Teucro no mellor ciclo deportivo do club azul. Con el no banco, o club pontevedrés ascendeu á máxima categoría, na que mantivo ao equipo sete tempadas chegando a disputar competición europea.

Tras o seu inesquecible paso por Pontevedra, Fran Teixeira, que comezara a súa traxectoria como técnico con só 15 anos dirixindo ao equipo xuvenil do Santa Cristina de Lavadores, continuou a súa andaina dirixindo a Chapela e Academia Octavio na liga Asobal, ademais do Gaia e o Sporting de Portugal no país veciño, equipo este con o que conseguiu os seus maiores logros deportivos, alcanzando dous títulos de liga e outros dous de copa, antes de regresar novamente ao Chapela. Ademais foi seleccionador galego en diversas categorías, desde a cadete ata a absoluta.

O presidente da Federación Española de Balonmán, Paco Blázquez, comunicaba a través da súa conta de Twitter a triste noticia. "Hoy es uno de esos días duros para nuestro deporte, y especialmente para quienes valoramos a las personas que tanto nos han dado, profesional y personalmente. Ha fallecido Fran Teixeira. Nos acompañó en la última cita con los #Hispanos en su Galicia querida. Siempre con nosotros", escribía.

Desde a Federación Galega, escribían: "Dóenos moito despedir ao amigo, ao compañeiro, ao rival, ao amigo de faladoiros e ao adestrador máis visceral non banco... Deixounos Fran Teixeira, pero a verdade é que sempre estará ao noso lado... D.E.P. Fran". E a partir de aí, as mostras de condolencia sucedéronse.

O 14 de xullo pasado, na sede da Deputación en Vigo, no que ao cabo sería unha das súas últimas aparicións públicas, o organismo provincial rendeulle unha sentida homenaxe sorpresa pola súa traxectoria e o seu traballo na área de Deportes da Deputación, coa que tamén colaborou, e no que, xunto a autoridades e personalidades, estiveron presentes adestradores da talla de Pasqui, actualmente adestrador do Dinamo de Bucarest, Manolo Cadenas, adestrador da Selección de Arxentina e Ademar de León, Valero Rivera, adestrador da Selección de Qatar, José Javier Hombrados, ex porteiro do Teucro e da Selección Española, Juan José García "Cota", médico da Selección Española de Fútbol, Francisco Blázquez, presidente da Real Federación Española de Balonmán ou Bruno López, presidente da Federación Galega, entre outros.

Despois de recibir a homenaxe da Deputación, o 20 de xullo pasado Fran anunciaba a súa retirada dos bancos, pero mantiña no seu comunicado de despedida o seu optimismo, indicando que loitaría "para recuperarme porque quiero seguir haciendo lo más me gusta, que es entrenar". A enfermidade impediullo, pero a súa pegada e recordo serán eternos no balonmán galego.