Falece Julio Latas, xogador e adestrador que logrou senllos ascensos co Teucro a División de Honra

Pontevedra
27 de agosto 2019

Julio Latas Vázquez, unha das poucas persoas que podía presumir de conseguir senllos ascensos coa SD Teucro á División de Honra na dobre faceta de xogador e adestrador, faleceu na tarde deste martes en Pontevedra aos 68 anos de idade, vítima dun cancro que lle afectaba desde fai apenas un par de meses

Julio Latas (primeiro pola dereita) co Teucro que conseguiu o ascenso a División de Honra
Julio Latas (primeiro pola dereita) co Teucro que conseguiu o ascenso a División de Honra / SD Teucro - 50 años de historia

Julio Latas Vázquez, unha das poucas persoas que podía presumir de conseguir senllos ascensos coa SD Teucro á División de Honra na dobre faceta de xogador e adestrador, faleceu na tarde deste martes en Pontevedra aos 68 anos de idade, vítima dun cancro que lle afectaba desde fai apenas un par de meses.

Integrante do equipo que logrou o primeiro ascenso do Teucro á máxima categoría, na tempada 1972/73, baixo a presidencia de Pedro Iglesias, con Juan Luís como adestrador, Latas compartía vestiario con nomes míticos como Cameselle, Gómez, Sansilvestre, Maeso, Ignacio, e Area, entre outros.

Latas mantívose como xogador ata a tempada 1976/77 (a do descenso do Teucro), a cuxa finalización causou baixa para fichar polo Cisne, equipo no que comezou a realizar funcións de adestrador ata a tempada 1981/82 na que José Manuel Vázquez  Piay, entón presidente do  Teucro, encoméndalle a dirección dun equipo teucrista integrado por xogadores da casa.

Á segunda, Julio Latas conseguiu o obxectivo de devolver ao Teucro á máxima categoría, na tempada 1982/83, cun equipo no que xa figuraban nomes como Pillo, Dido, Manolo Pedreira, Coté Domínguez, Barcia, Maeso, Pacheco, Chan, Rafa Vilar e Quique Barco, entre outros.

Tras o descenso do Teucro, Julio Latas abandonou o balonmán, para dedicarse en exclusiva á súa profesión como empregado do Banco de España ata a súa xubilación.

A noticia, polo inesperado e rápido do desenlace, causou forte conmoción entre os numerosos amigos e coñecidos que Latas ten na cidade e especialmente no mundo do balonmán.

Os seus restos mortais atópanse nas salas velatorias San Marcos Virxe do Camiño de Pontevedra, onde permanecerán ata este mércores ás 16:00 horas, nas que serán trasladados para a súa incineración na intimidade familiar.