Loito no deporte pontevedrés tras o falecemento de Noelia Gestoso aos 26 anos, despois de meses loitando contra un agresivo cancro.
Formada nas categorías inferiores do CB A Estrada, Noelia chegou a Pontevedra en 2017 para incorporarse ao Club Bádminton Ravachol, onde se sumou na tempada 2017/2018 tras superar unha complicada lesión.
Foi peza clave no ascenso do club a Primeira Nacional e, desde entón, a súa especialidade foi a modalidade de dobres.
Natural da Estrada, logrou 24 medallas en campionatos autonómicos, destacando 9 títulos, e dúas medallas en Campionatos de España.
Ademais, foi convocada en varias ocasións coa selección autonómica e disputou competicións internacionais, entre as que destaca o Campionato de Europa U17 de Polonia, en 2016.
Na actualidade, Noelia estaba a exercer en Cantabria tras licenciarse en Medicina.
A Federación Galega de Bádminton e o Club Bádminton A Estrada comunicaron publicamente o falecemento a través das redes sociais."Encóllesenos o corazón con esta triste noticia. O noso máis sentido pésame para toda a familia, amizades e achegados polo falecemento de Noelia Gestoso", publicaron.
"Foi e sempre será parte da familia do bádminton galego, tanto pola súa traxectoria como gran xogadora como pola extraordinaria persoa que era. O seu recordo permanecerá para siempre entre nós. Moita forza para todos nestes momentos tan difíciles", engadiron.
Desde o equipo expresaron o "profundo pesar e tristeza pola perda da nosa compañeira e amiga Noelia Gestoso. Enviamos desde aquí un forte abrazo aos seus pais e á súa irmá, nestes duros momentos", indicaron.
"Foron moitos anos formando parte desta familia, compartindo xuntos miles de momentos, e sempre co teu alegre e lindo sorriso alegrándonos cada día. Pois con ese bonito sorriso é como lembrarémosche sempre. Voa alto compañeira e brilla como só ti sabes facelo", concluíu o club.