Fernando Echávarri achégase ao podio e Echegoyen escala ata o Top-10 no Trofeo Princesa Sofía

Pontevedra
31 de marzo 2016

O regatista pontevedrés e a súa compañeira Tara Pacheco colocáronse na quinta posición da clasificación provisional, a cinco puntos do podio na categoría Nacra 17. Támara Echegoyen remonta ata a décima praza no 49er FX

Fernando Echávarri e Tara Pacheco no Trofeo Princesa Sofía
Fernando Echávarri e Tara Pacheco no Trofeo Princesa Sofía / Pedro Martinez/Sailing Energy/Trofeo Sofia

A dous días para que conclúa o Trofeo Princesa Sofía de vela en augas de Palma de Mallorca, os regatistas pontevedreses deron un importante salto cara ás primeiras posicións.

Fernando Echávarri, preto da clasificación olímpica en Nacra 17 xunto á canaria Tara Pacheco, escalou ata a quinta praza provisional para situarse a só cinco puntos do podio nunha clase que dominan polo momento os franceses Billy Besson e Marie Riou.

Nunha xornada con duras condicións de navegación en Palma, Echávarri e Pacheco asinaron este xoves un segundo, un sétimo e un noveno posto nas tres mangas disputadas. "Estamos contentos porque seguimos mellorando, non tivemos a oportunidade de navegar moito con estas condicións así que o balance é positivo", sinalou o regatista pontevedrés 

Pola súa banda, no 49er FX, Támara Echegoyen e a cántabra Berta Betanzos protagonizaron unha importante remontada para situarse provisionalmente na décima posición.

Echegoyen e Betanzos ascenderon oito postos grazas a dous segundos e un terceiro posto nas catro regatas do día, aínda que se atopan lonxe das prazas de podio.