Ferramenta dixital para os clubs deportivos da provincia

Pontevedra
18 de abril 2017

A Deputación habilitou a plataforma 'Depo Informa', unha base de datos á que poderán acceder os clubs deportivos da provincia facilitando o acceso e trámite das liñas de axuda e subvencións, entre outros asuntos

Carmela Silva e Chelo Besada co material deportivo que presta a Deputación
Carmela Silva e Chelo Besada co material deportivo que presta a Deputación / Mónica Patxot

Os clubs deportivos da provincia contan cunha nova ferramenta a través da páxina web da Deputación de Pontevedra.

A institución provincial habilitou a plataforma 'Depo Informa', unha base de datos deseñada para tentar axudar nos trámites ás entidades deportivas.

A través dela os clubs dispoñerán de información en tempo real de asuntos de gran importancia para o seu día a día como, entre outros, o acceso ás liñas de axuda e subvencións.

Así o explicou a Deputación aos interesados a través dunha serie de cartas remitidas pola presidenta, Carmela Silva, na que sinala que esta ferramenta, unha das iniciativas contempladas no Plan Estratéxico do Deporte, ten como obxectivo fomentar e facilitar as relacións administrativas dos clubs coa administración.

As entidades deportivas interesadas en acceder a esta plataforma deberán cubrir un formulario de acceso que se pode atopar na web www.depo.es.