Fin de semana de balonmán praia por partida dobre en Sanxenxo

Sanxenxo
23 de xuño 2022

A praia de Silgar acollerá desde este venres a celebración dun torneo do circuíto Arena 1.000 xunto ao Campionato de España de Seleccións Autonómicas. Ambos os dous eventos foron presentados oficialmente na pista central habilitada no areal

Presentación do Torneo Arena 1.000 e o CESA que se van celebrar en Sanxenxo
Presentación do Torneo Arena 1.000 e o CESA que se van celebrar en Sanxenxo / Federación Galega de Balonmán

Todo listo en Sanxenxo para converterse durante esta fin de semana, desde o venres 24 ao domingo 26 de xuño, na capital nacional do balonmán praia.

O areal de Silgar, en pleno centro da vila, acollerá durante estes días o primeiro torneo do circuíto Arena 1.000 da tempada, para categoría absoluta, e tamén o Campionato de España de Seleccións Autonómicas (CESA).

Ambos os dous eventos foron presentados oficialmente a última hora do mércores desde a pista principal instalada en Silgar, e que acollerá a multitude de deportistas. Só no CESA prevese a participación de 90 equipos das 17 comunidades autónomas, cun total de 1.400 deportistas e unha programación de ata 329 partidos repartidos entre as tres xornadas de competición.

A presentación contou cun gran número de personalidades, coa presenza do presidente da Real Federación Española de Balonmán, Francisco Blázquez; da Federación Galega, Bruno López; o concelleiro de Deportes de Sanxenxo, Daniel Arosa; o deputado provincial Gorka Gómez; e o xefe de servizo de Deportes da Xunta en Pontevedra, Daniel Benavides.

Todo o torneo poderá seguirse en directo a través da canle de Youtube da Real Federación Española de Balonmán e da Federación Galega de Balonmán, cunha actividade que dará comezo ás 9.00 horas deste venres e cuxas finais terán lugar durante a xornada do domingo.