A Sociedad Deportiva Teucro seguirá rexido, polo menos polo momento, por unha xunta xestora.
O proceso electoral aberto á presidencia da entidade, o segundo desde a marcha en 2019 de Carlos García-Alén, completouse sen a aparición de ningún candidato para asumir o posto e a xestión do vicedecano do balonmán nacional.
Trátase de algo esperado polos membros da xestora actual, ao non detectar estas semanas o interese de ningún socio por reunir os avais necesarios para presentarse á presidencia.
Pechado este mércores 13 de abril o prazo de presentación de candidaturas, o Teucro debe agora celebrar unha nova asemblea de socios para dar por finiquitado o proceso electoral e constituír unha nova xunta xestora para os próximos anos, nos que se enfrontará aos últimos pagos da débeda concursal unido a unha xa inevitable caída deportiva á Primeira Nacional.
Ese órgano reitor, no que se espera a continuidade da maior parte da directiva actual, estará aberto á entrada tamén de novos socios.