Final de mercado sen sorpresas no Pontevedra e mirando cara a casa

Pontevedra
06 de outubro 2020

O Pontevedra Club de Fútbol decidiu cubrir as fichas sub-23 que aínda tiña vacantes con xogadores que xa se atopaban no club tras o seu paso polo filial, como son Samu Vilariño e Martín Diz

Samu Vilariño, no primeiro adestramento da pretempada 2020-2021 do Pontevedra CF
Samu Vilariño, no primeiro adestramento da pretempada 2020-2021 do Pontevedra CF / Cristina Saiz

Era o esperado, pero co mercado aberto sempre pode saltar algunha sorpresa de última hora. 

Tanto Roberto Feáns como Jesús Ramos non se pechaban de todo á posibilidade de fichar algún futbolista sub-23 para pechar o plantel, pero recoñecían que a solución podía estar na casa, nos mozos de categorías inferiores que adestran desde o primeiro día de pretempada co primeiro equipo.

Así foi finalmente e o Pontevedra non concretou ningunha operación nas últimas horas dun mercado que pechou oficialmente este luns 5 de outubro.

Todas as fichas sénior, 16, estaban xa ocupadas con Mario Fernández, Churre, Pol Bueso, Xisco Campos, Aitor Núñez, Zabaleta, Adrián Cruz, Romay, Imanol, Borja Martínez, Álex González, Jorge Fernández, Óscar Fernández, Oier Calvillo, Charles e Rufo. Pola súa banda tiñan dono dúas das licenzas para menores de 23 anos: Álvaro Cortés e Santi Figueroa.

Finalmente o corpo técnico decidiu que os outros futbolistas que pertencerán a todos os efectos ao primeiro plantel serán os atacantes Samu Vilariño e Martín Diz, xogadores que a pesar de non ser canteiráns estaban ligados desde a pasada campaña ao filial granate.

Esta decisión non evitará en todo caso que o resto de canteiráns que adestran en dinámica do primeiro equipo (Pacheco, Diego Dadín, Pablo López, David Veiga e Iñaki) poidan gozar de oportunidades en Segunda  B ao longo da tempada, pero no seu caso ao continuar con ficha no Pontevedra B poderán competir en Preferente cando non sexan convocados por Jesús Ramos.