Non é un partido calquera o que afronta esta semana o Peixe Galego, que visita a cancha dun rival directo pola permanencia, o pechacancelas Barcelona B.
Os de Marín, que xa perderon na casa ante o filial blaugrana, contan con seis vitorias, unha por encima do descenso (ademais do average con respecto a Magia Huesca) e con tres de vantaxe sobre o seu rival desta fin de semana.
A pesar da súa mala clasificación o Barcelona B non renuncia á permanencia e ve o partido como unha auténtica final, do mesmo xeito que os pupilos de Javi Llorente. De feito non só non renuncian a iso, senón que o club catalán tirou de talonario para reforzar ao seu segundo equipo no mercado invernal. Así, contrataron a Dagoberto Peña e Volodymyr Gerun abonando as cláusulas de rescisión a Leyma Coruña e Calzados Robusta .
Enganosa por tanto pode resultar a clasificación actual do filial, que acumula catro xornadas sen gañar pero que no seu último encontro estivo a piques de dar a sorpresa ante o Leyma Coruña, e é motivo suficiente para que o Peixe Galego viaxe con todas as alarmas postas.
Os de Javi Llorente son conscientes do importante paso que daríán cara ao obxectivo da salvación se conseguen vencer na cidade deportiva Joan Gamper de Barcelona.